Friday 03 de May de 2024

O Concello denuncia a improvisación da Xunta e a falta de planificación e de medidas que garantan a seguridade do persoal docente e do alumnado


O Concello lembra que a Xunta recibiu fondos do Estado para cubrir os gastos educativos derivados da COVID e pídelle ao Goberno autonómico que axude a financiar, por exemplo, as desinfeccións que están obrigados a realizaren os propios centros educativos

O Concello da Coruña denuncia a improvisación da Xunta no inicio do curso, o que dificulta a conciliación das familias, e a falta de planificación e de medidas que garantan a seguridade do persoal docente e do alumnado. Lembra que a pesar de non ter competencias en materia educativa está a traballar cos centros na organización das entradas e saídas dos colexios, executando obras para habilitar máis accesos e cedendo espazos públicos para garantir as distancias esixidas pola administración autonómica.
O Concello lembra que a Xunta recibiu fondos do Estado para cubrir os gastos educativos derivados da COVID e pídelle á Xunta que axude a financiar, por exemplo, as desinfeccións que están obrigados a realizaren os propios centros educativos. Neste senso, solicitoulle á Delegación Territorial da Consellería de Educación unha limpeza complementaria dos centros escolares en función do que dita o protocolo e atendendo ás demandas da Asociación de Directores dos CEIPs.
Ademais, a Concellaría de Cultura puxo a disposición de centros como o Eusebio da Guarda na praza de Pontevedra espazos públicos co fin de que as nenas e nenos dispoñan dun maior perímetro para o lecer. Así mesmo, estableceuse un contacto constante coa Federación das ANPA canto ás actividades extraescolares e ao servizo de comedor e ofreceu aos centros escolares de Infantil e Primaria un servizo
de mudanzas para a colocar e mover o mobiliario das aulas de cara a adaptalas ás esixencias do protocolo.
Tamén peonalizou a contorna dalgúns colexios para garantir a distancia social entre as familias e o persoal docente. Previamente, desde o Goberno local mantívose unha xuntanza coas escolas infantís antes do inicio do curso para os efectos de levar a cabo un seguimento das actuacións incluídas no protocolo aprobado para comezar as clases. Ademais, atenderon dunha forma inmediata as peticións dos CEIPs en relación ás necesidades de mantemento e priorizaron cuestións como reparar fiestras para a ventilación, abrir portas secundarias para facilitar o acceso do estudantado e arranxar baños para axeitalos ás condicións de uso esixidas. Tamén se adaptaron os horarios de limpeza co fin de reforzar a atención en horario lectivo e déuselles apoio a celadoras e celadores para xestionar espazos e accesos ás
instalacións escolares.

Por outra banda, a Policía Local activou un dispositivo de reforzo para controlar o fluxo de alumnado e persoal docente na entrada e saída dos colexios en que tamén colabora Protección Civil. Con este fin, a concellería de Seguridade Cidadá aumentará nestes días o número de axentes ante o comezo de actividade escolar en máis centros.

O plan de actuación deseñado por Juan Ignacio Borrego mellorarase en certos puntos da cidade para que non se produzan incidentes como o que ocorreu na xornada de hoxe, onde se xeraron colas nas inmediacións do colexio La Grande Obra de Atocha, polo que mañá abrirán as portas quince minutos antes.